Manuel Bárcena y Franco, o fundador
Manuel Bárcena Franco (Vigo, 1834-1908)
Foi o primeiro presidente da Cámara de Comercio e un dos fundadores do sistema cameral español. O Conde de Torrecedeira (título que se lle outorgou en 1891) procedía dunha familia adiñeirada e responde ás características de moitos dos vigueses que entraron na vida pública española a mediados do século XIX. Para empezar, educouse en Gran Bretaña, con toda a carga favorable que aquilo tiña entón.Ao longo da súa vida coñeceu varios países e falaba idiomas, o que sen dúbida lle deu unha perspectiva da que carecían moitos coetáneos seus.
Na súa faceta de empresario, acrecentou a fortuna familiar con numerosos negocios. Bárcena tivo a súa propia casa de banca e, en 1880, non dubida en crear a Caixa de Aforros Municipal (hoxe Caixanova). Mantivo e aumentou os negocios de curtidos fundados polo seu pai en Barreiro (Lavadores) e paralelamente fundou os seus propios como consignatario de buques, gandeiro e promotor de vivendas.
Posuía dúas grandes leiras: as de Cedeira (Redondela) e Fillaboa (Salvaterra). Nesta última comezou a producir viños que chegaron a ter un gran recoñecemento no Condado. Manuel Bárcena tamén tivo un papel importantísimo en política, onde se alineaba co grupo de Cánovas del Castillo (o seu amigo persoal).
Empezou a súa carreira na Deputación e foi senador, cónsul de varios países e alcalde de Vigo entre 1879 e 1881.Durante o seu mandato abriu a rúa Fervenza (hoxe Velázquez Moreno) e, a iniciativa súa realizouse unha obra bastante polémica, que levaría o nome de Travesía de Elduayen, (entre a Porta do Sol e a Falperra) e que propiciou a desaparición da tradicional Sombrereros. Xestionou a construción de varios centros escolares e facilitou o acceso á Estación do ferrocarril urbanizando Alfonso XIII.
Á fronte da Cámara comezou a dar forma á súa estrutura e marcou o inicio de moitas das xestións que se realizarían nos anos seguintes.
Primeira xunta directiva, 1886
- Presidente: Manuel Bárcena
- Vicepresidente: José Ramón Curbera
- Contador: Francisco Molíns
- Depositario: Apolinar García
- Secretario: Fernando Conde