Antonio B. Conde, presidente breve

Antonio B. Conde González-Abarca (1833-1894)

Foi o presidente máis breve que tivo a Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, ao falecer no exercicio do cargo logo dun ano da súa elección, en 1893.

Durante o seu mandato (o segundo da historia da institución) contou cunha directiva realmente importante na que, ademáis de José R. Curbera como vicepresidente, estaban Marcelino Barreiras Casellas, Joaquín Pérez Boullosa, Augusto Bárcena e Franco, Ramón Arbones Carballido, Antonio Sanjurjo Badía ou o seu propio fillo, Fernando Conde Domínguez.

Antonio Conde, un dos empresarios máis destacados da época, comezara a súa actividade aos 20 anos cun pequeno almacén ao por maior de tecidos e metais. Co tempo este negocio ampliaríase ao tráfico de viños, sal, grans etc., o que lle obrigaría a construir unha flota de 23 gabarras e dous balandros para realizar a distribución das mercadorías pola fachada Atlántica galega.

Animado polo seu éxito comercial, chegou a construir outros dous buques máis, que dedicou ao servizo entre Vigo e A Coruña. Foi o fundador da Sociedade Regular Colectiva "Antonio Conde e Hijos" na que integraría os seus descendentes Antonio e Fernando. Tiña co primeiro presidente da Cámara, Manuel Bárcena e Franco, un punto en común: a súa faceta como banqueiro, xa que, en 1863, foi nomeado corresponsal en Vigo do Banco Comercial Español e do Banco Urquijo e Cía.

Nese mesmo ano comezou as súas actividades como consignatario representando no Porto de Vigo a varias compañías, entre elas "Navegación Bandeira Española", que facía o servizo con pasaxe e carga entre Vigo e Cuba.

Engadiu aos seus cargos o de subteniente primeiro da Milicia Nacional e formou parte, antes da fundación da Cámara, da Xunta de Comercio, órgano sumamente influente na vida local durante a primeira metade do XIX. Dende este cargo asinou un programa político e económico de talante liberal xunto a Francisco Tapias Ferrer, Juan Carsi, Mariano Pérez e Norberto Velázquez Coppa.

Nel pedíase a desamortización civil e eclesiástica, o desestanco e libre fabricación e venda de sal, a construción de vías férreas, estradas e camiños veciñais e a inviolabilidade de domicilio por causas puramente fiscais así como outros actos de modernización da vida española.

Segunda xunta directiva, 1893

  • Presidente, Antonio Bibiano Conde González-Abarca
  • Vicepresidente: José R. Curbera
  • Tesoureiro: Marcelino Barreras Casellas
  • Contador: Abdón Pereira de Lema
  • Secretario Xeral: Joaquín Pérez Boullosa