Ramón Curbera, conservero

Ramón Curbera Puig

Exerceu o cargo de presidente na Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo doce anos, no periodo do 1894 ata o 1906. A súa vida estivo ligada ao Atlántico, xa que nos seus comezos realizou numerosas viaxes entre Vigo e A Habana transportando pasaxeiros e mercadorías ao mando do bergantín "Nuevo feliz". Ao abandonar a profesión de capitán, estableceuse en Vigo adicándose ao negocio de coloniais primeiro e, despois, á fabricación de conservas no que antigamente chamábase o estilo de Nantes (é dicir, coa técnica e a maquinaria traida da localidade francesa) A casa fundada co seu nome foi unha das de maior produción do Vigo de principios de século e tamén unha das máis activas no comercio internacional.

José Ramón Curbera foi pioneiro en moitas cousas. Para empezar, axudou na fundación do Banco de Vigo (de onde foi presidente do seu primeiro consello de administración) e na creación da propia Cámara de Comercio. Foi o primeiro galego propietario dun automóbil ao adquirir, en 1891, un Panhard. Ademais de industrial conserveiro, construiu diversos buques para a súa explotación e chegaría a adquirir, nos primeiros anos do século XX, a única fábrica de papel continuo que había en Vigo (aberta por outro directivo da Cámara, Antonio López de Neira). Pero un dos aspectos máis destacados da súa vida foi o seu perfil político, xa que profesou sempre ideas democráticas e, durante a I República, exerceu o cargo de tenente alcalde do Concello de Vigo (1873) na corporación presidida por Primitivo Blein. Realizou en prensa diversas campañas a favor da supresión dos fielatos e loitou con ahínco pola aplicación da lei de admisión temporal da folla de lata.

Na Cámara de Comercio desempeñou primeiro o cargo de vicepresidente para logo pasar á presidencia con José da Gándara Sestelo como número dous.

Terceira xunta directiva

  • Presidente: José Ramón Curbera Puig
  • Vicepresidente: José de la Gándara Sestelo
  • Contador: Camilo Molíns Pascual
  • Tesoureiro: Fernando José Pérez Villelga
  • Secretario Xeral: Joaquín Pérez Boullosa