Ceferino Maestú, un vigués no esquecemento

Ceferino Maestú, un vigués no esquecemento

Probablemente, a familia Maestú, cuxos membros exerceron cargos destacados na administración da cidade a principios do século XX, é unha das máis esquencidas na memoria colectiva dos vigueses. Socio xerente da fábrica de fariñas "La molinera gallega", Ceferino Maestú Sequeiros foi o cuarto presidente da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo. A súa actividade pública estivo tamén repartida co Concello de Vigo e a Xunta de Obras do Porto, organismo este último que presidiu e no que, segundo dicía "Vida Gallega" á súa morte, "realizou unha obra tenaz en defensa dos intereses postos nas súas mans". Foi un home que fuxiu do protagonismo público máis aló do que lle outorgaban os seus cargos e negouse en todo momento a facer carreira política, apegado, como estivo, ata os 72 anos en que faleceu, ao escritorio da súa casa comercial.

Dende a presidencia da Cámara viviu unha curiosa crise ocorrida en 1911 que provocou serios e gravísimos enfrontamentos dos estamentos locais co gobernador civil, Bonete Sequeiros, por motivo dunha exhibición aérea. Corría o mes de agosto cando se anunciaba a chegada a Vigo do aviador francés Garnier, que atraeu a visitantes de toda Galicia para admirar as súas acrobacias no aire.

A casualidade ou o erro quixeron que Pontevedra contratase a mesma actuación do arriscado piloto, o que desencadeou un conflito entre as cidades que o gobernador encargouse de avivar ao deixar sen aplicación o contrato de Vigo.

Este xesto orixinou unha reacción inmediata que levou á dimisión do Concello e ata motivou a clausura do local da Cámara. Finalmente, sería outro aviador, o francés Jules Vedrines, quen viría a aplacar as ganas de espectáculo dos veciños de Vigo.

 

Durante o seu último mandato como presidente da Corpración mercantil, a partir de 1914, na mesma directiva figuraba como vicesecretario o seu fillo Ceferino Maestú Novoa, avogado que seis anos despois pasaría a ocupar a alcaldía de Vigo.

Cuarta xunta directiva 1906-1919

  • Presidente: Ceferino L. Maestú
  • Vicepresidente: José Pérez Villelga
  • Tesoureiro: Ramón Gil
  • Contador: José de la Gándara Sestelo
  • Arquivero Biblioteca: Camilo Rodríguez
  • Secretario Xeral: Isidoro M. De la Escalera