Francisco Esténs Romero, quinto presidente

Francisco Esténs Romero, quinto presidente

As actas que coidadosamente conserva a biblioteca da Cámara recollen que, o 29 de xaneiro de 1919 nunha sesión extraordinaria do Pleno: "pediu a palabra o Sr. Manuel Canellas para propoñer a don Francisco Esténs para a presidencia, e aceptada por aclamación a proposta, pasa a ocupar o cargo, sendo acollido en xerais aplausos". Era a quinta vez que a institución nomeaba presidente dende a súa fundación, en 1886.

Este comerciante e fillo de comerciantes chegou á Cámara sen probablemente saber que unha das decisións do seu mandato sería a de realizar o cambio de sé da rúa do Príncipe (onde estaba, á altura do número 39) a Joaquín Yánez número 6. O traslado foi forzoso, xa que os arrendadores pretendían elevar o aluguer a 200 pesetas mensuais, algo que non podía permitirse a Corporación. Por iso optouse por aceptar o ofrecemento da Federación Gremial de Patróns, que dispoñía dun local que, por certo, hoxe é sé da Biblioteca Central.

Á marxe destes cambios, unha das súas tarefas centrouse en organizar o Consorcio do Depósito Franco, que, concedido a Vigo, foi lamentablemente atrasado pola lenta execución dalgunhas obras portuarias que o condicionaban. Esténs, casado coa filla dun dos primeiros vogais da Cámara de Comercio na Xunta de Obras do Porto (Eudoro Pardo Labarta), era presidente da Cámara cando esta fixo entrega ao pobo de Mondariz da estatua dedicada pola Corporación Mercantil ao seu ex-vogal, Enrique Peinador Vela.

Empresarialmente, Esténs estivo vinculado á empresa "Candeira y Esténs", unha de cuxas actividades era a transformación de madeira. Continuou tamén algúns negocios familiares no ámbito comercial e foi vicecónsul de Suecia, membro da comisión xestora do Banco de Vigo e representante da compañía de seguros “La Reunión”.

Xunta directiva 1919-1921

  • Presidente: Francisco Esténs Romero
  • Vicepresidente 1º: Fernando Bárcena Andrés
  • Vicepresidente 2º: Mauro Alonso Cuenca
  • Contador: Albino Piñeiro Fernández
  • Tesoureiro: Daniel Sáenz Díez
  • Secretario Xeral: Manuel Carsi Rivera