A Cámara de Tomás Mirambell

A Cámara de Tomás Mirambell

Don Tomás Mirambell era un novo piloto catalán da Mariña Mercante, nacido en Masnou (Barcelona) en 1862. Chegou a Vigo con preto de vinte anos e estableceuse na cidade para adicarse á industria de efectos navais, coa casa comercial Bertrán y Mirambell.

Unha das súas industrias máis arriscadas foi a Cordelería Ibérica de Toralla, fábrica de redes que empregaba a unhas setenta persoas nos seus primeiros tempos. A subida do prezo das materias primas debido á perda das colonias propiciou a desaparición da empresa.

Catalán de nacemento, foi nomeado fillo adoptivo de Vigo xa que os seus esforzos polo desenvolvemento económico e comercial da cidade foron moi destacados. Dende a súa presidencia na Cámara de Comercio, de 1924 a 1930, convocou ás forzas da cidade a unha asemblea en 1927 para constituír a Unión de Entidades Viguesas, precedente da actual Fundación Provigo.

Tamén participou nas iniciativas de creación do Banco de Vigo, ou a Sociedade de Abastecemento de Augas. Foi o fundador e presidente efémero do novo Círculo Mercantil. Xunto con Martín Echegaray e Ceferino Maestú formou a primeira comisión encargada de iniciar o proxecto do tranvía, ata chegar á vicepresidencia da sociedade tranviaria.

Unha das súas prioridades era que Vigo se constituira no porto máis importante do Atlántico. O seu interese pola industria do mar queda patente cos reiterados intentos para promover unha Exposición Internacional da Pesca.

Empeño que foi en balde ata 1973, uns oitenta anos logo da primeira tentativa, coa celebración da World Fishing Exhibition. Don Tomás tamén contribuíu cos seus fondos na construción do edificio do Club Náutico. Erixiuse, ademais, nun dos impulsores para a reactivación da sociedade, que fora suspendida de forma voluntaria polos seus socios ao longo de quince anos.

O seu fervor polo mundo do mar tamén se reflicte no monumento de Monteferro adicado aos mariños de varios países. Aínda que a iniciativa xurdiu do cónsul de Gran Bretaña en Vigo, Mr. Nightingale, tras finalizar a Primeira Guerra Mundial, o monumento levantouse grazas ao apoio incondicional do sétimo presidente da Cámara.

Mirambell era un empresario preparado. Fundou a Asociación Xeral de Cultura, que loitou dende 1912 por diferentes causas viguesas. Escribía en cabeceiras como Faro de Vigo, El Pueblo Gallego ou La Lucha.

Na prensa expresaba as súas ideas galeguistas e á vez federalistas. Non só o porto ou a pesca, senón tamén a rede de comunicacións por terra con Madrid e a defensa de Vigo foron outras das súas preocupacións. Con todo, malia a súa conciencia política, rexeitou en varias ocasións a responsabilidade de converterse en alcalde da cidade.

En 1931, logo dunha presidencia fructífera da Cámara, Mirambell foi nomeado presidente de honra, a única persoa que tras desempeñar o cargo efectivo, recibiría esa distinción.

Xunta directiva 1924-1930

  • Presidente: Tomás Mirambell Maristany
  • Vicepresidente 1º: Estanislao Durán David
  • Vicepresidente 2º: Ángel Saenz Díez
  • Contador: Juan Antonio González Ortíz
  • Tesoureiro: Juan Arturo Paz López
  • Secretario (accidental): José Quintas da Vila