Presidencia de Eugenio Fadrique

Eugenio Fadrique, empresario innovador

Hoxe en día coñecemos o nome de Eugenio Fadrique porque o Concello de Vigo designou así á coñecida praza da Industria. Desta forma, rende homenaxe a un dos industriais precursores en Galicia na fabricación de envases para conservas de peixe. Coñecido por ser o fundador da Artística, Fadrique tamén presidiu a Cámara de Comercio durante máis de quince anos. Ocupou este cargo de 1931 a 1947, tras suceder a Tomás Mirambell.

Na presidencia da Cámara, Eugenio Fadrique mantivo un enfrontamento con Castelao, que era deputado no Congreso. O motivo manifesto era o ferrocarril, baixo o cal estaba latente a aprobación do estatuto de autonomía.

Dende o punto de vista empresarial, fundou A Artística en 1906 e comezou rapidamente o seu crecemento. A compañía especializouse en actividades de pintura e impresión de latas para conservas. Na súa fábrica chegou a dispoñer das máquinas litográficas máis punteiras en España.

Nos seus inicios consolidouse como unha pequena empresa familiar que servía ao mercado local. Por 1920 xa producía entre 30.000 e 35.000 caixas de hoxalata e empregaba a unha trintena de operarios. A Artística tamén producía azulexos de zinc e tabais de lata, que substituían aos antigos barrís de madeira para sardiña prensada. Polos 70, os seus negocios abarcaban os Talleres Mecánicos Alonarti e a litografía Artiscar en Vigo, Idalsa, especialista en derivados de aluminio en Madrid, e A Artística de Valença do Minho.

Pero Eugenio Fadrique tamén desempeñou outros cargos na vida pública viguesa. Presidiu o Depósito Franco, precedente da actual Zona Franca. Dedicouse a tarefas de beneficencia, como directivo da Casa de Caridade, e exerceu como conselleiro de FENOSA e do Banco de Vigo. Tamén foi o representante da Asociación Metalgráfica Española.

Participou na vida política da cidade a través da Liga de Defensores de Vigo, que alcanzou notoria presenza na Corporación Municipal a partir de 1923.

Dende o punto de vista persoal, foi un gran afeccionado á fotografía, ata chegou a recibir importantes premios. E outra das súas paixóns foi o seu Ford T. Este coche, xunto con outro modelo exactamente igual, convertéronse nos "cabalos" de senllos picadores protagonistas dunha corrida de becerros en Pontevedra. Deste espectáculo deixou constancia o vigués José Gil, que achegou a súa filmación ao mesmo Henry Ford.

Xunta directiva 1931-1947

  • Presidente: D. Eugenio Fadrique González
  • Vicepresidente 1º: Ventura Cerqueira Domínguez
  • Vicepresidente 2º: Darío Sáenz-Diez
  • Contador: Antonio Maestú Novoa
  • Contador-suplente: Enrique Lorenzo Docampo
  • Tesoureiro: Estanislao Núñez Barros
  • Tesoureiro-suplente: Manuel Abal Fábregas
  • Secretario Xeral: Manuel Posada Tapias