Presidencia de Tomás Pérez Llorente

Tomás Pérez Lorente, da vida militar á civil

Tomás Pérez Lorente presidiu a Cámara de Comercio de 1947 a 1959; periodo que compatibilizou de forma case simultánea como alcalde de Vigo. Fillo de militar, cursou a carreira de Enxeñeiro Industrial e chegou a ser oficial de artillería. Con todo, abandonou a súa carreira castrense para adicarse á vida civil. Chegou en 1947 á presidencia da Cámara de Comercio de Vigo, tras traballar para a empresa de conservas "Adolfo Quirós e Fillos, SRC", vinculada á familia da súa esposa, Mariña Quirós, con quen se casou en 1926. Dende este posto chegou a presidir a Unión de Fabricantes de Conservas de Galicia.

De 1947 a 1960 realiza o seu labor máis intenso para o desenvolvemento de Vigo. Paralelamente como presidente da Cámara e rexedor municipal ocupouse de asuntos de sanidade, urbanismo e transporte. Ao longo do seu mandato construiuse a condución de auga dende a presa de Zamáns ao depósito do Castro, co que o abastecemento da cidade duplicouse. Tamén se mellorou o suministro de enerxía eléctrica. Por esta época foi inaugurado o aeroporto de Peinador e Pérez Lorente loitou por unha comunicación ferroviaria máis fluída con Madrid, coa apertura, entre outras actuacións, da liña Zamora-Ourense.

Tomás Pérez Lorente foi un adiantado nalgunhas reivindicacións para mellorar a cidade. Malia que non fructificaron, realizou xestións para conseguir o traslado do Rexistro Mercantil e evitar o desprazamento a Pontevedra dos comerciantes e industriais, algo que aínda hoxe está nas aspiracións dos vigueses. Intentou, en balde, que unha refinería de petróleo se establecera na ría viguesa, ademais da proposta dunha estación de autobuses entre a Praza de Fernando o Católico e Pizarro. Outra das súas iniciativas pasou pola solicitude dunha facultade de Ciencias Económicas e a Escola especial de Enxeñeiros Industriais.

O noveno presidente da Cámara tamén impulsou a actividade de Zona Franca, da que foi presidente nos seus comezos. Tras abandonar os cargos públicos en Vigo ao redor dos anos 60, ocupouse da Secretaría do Consello de Administración da empresa nacional de industria militar Santa Bárbara.

Uns meses antes da súa morte, en 1962, recibiu a Medalla de Ouro da Cidade, un galardón proposto dende a Alcaldía.

Xunta directiva 1947-1959

  • Vicepresidente 1º: Ángel Núñez García
  • Vicepresidente 2º: Indalecio Vázquez Rodríguez
  • Depositario: Enrique Lorenzo Docampo
  • Contador: Manuel Moreno Astola
  • Depositario suplente: Germán Puime Queimadelos
  • Contador suplente: Celso Candeira Pérez
  • Secretario xeral: Manuel Posada Tapias