Presidencia de José Nogueira Dalmás

José Nogueira Dalmás

O 26 de decembro de 1992 era enterrado en Vigo José Nogueira Dalmás, pertencente a unha destacada xeración de homes de empresa e presidente da Cámara de Comercio entre os anos 1972 e 1978.

Os primeiros pasos empresariais de Nogueira Dalmás hai que buscalos na súa cidade natal, Santiago de Compostela, onde se iniciou na actividade como apoderado do Banco Español de Río da Prata, entidade dende a que pasaría con semellante responsabilidade ao Banco Central en Vigo. As persoas que lle coñecían definíanlle como un "home traballador, sinxelo e cun fino sentido do humor", segundo destácase nunha noticia publicada tralo seu falecemento.

Dende a presidencia da Cámara o seu nome iría unido a unha das iniciativas máis importantes da historia recente viguesa: a celebración da World Fishing Exhibition, en cuxa organización ocupou un importante papel á beira de Alfonso Paz Andrade. O proxecto esixiulle en moitas ocasións desprazarse a Madrid, onde mantivo entrevistas con varios ministros.

Na súa actividade privada formou parte, dende 1945, da empresa Frigoríficos de Vigo, onde desempeñou o cargo de director e, posteriormente, de presidente do consello de administración da sociedade. No desenvolvemento da Caixa de Aforros, actual Caixanova, xogou un papel fundamental ao ser o que realizou o traballo de redacción das bases da entidade financeira.

Polo seu labor á fronte da Cámara, en 1981 o Consello Superior de Cámaras de España impúxolle a Medalla de Ouro, condecoración que recibiu de mans do entón ministro de Traballo, Jesús Sancho Rof. Tamén foi presidente da Asociación de Empresarios Frigoríficos de España.

Xunta directiva 1972

  • Presidente: José Nogueira Dalmás
  • Vicepresidente: Manuel Valcarce Rebordea
  • Contador: Braulio Alfageme de Riva con Fernando Conde como suplente
  • Tesoureiro: Pedro Sáenz-Díez Trias con Luis Meijide como suplente